Militarismo español e fabulación histórica

O desfile do actual Día das Forzas armadas españolas é herdeiro directo do “Desfile de la Victoria” franquista, que conmemoraba o triunfo do golpe de estado de 1936. Coa morte do ditador, o pacto da transición non eliminou esta celebración fascista e españolista, senón que optou unicamente por mudar a súa denominación. E isto é o que pretenden facer en Vigo este 30 de maio e días previos.

“Todos unidos defendemos España”. Así “reza” (verbo apropiado) o lema dos actos a celebrar. Non se cortan. Falan do nacionalismo, mais eles non perden unha oportunidade para a exaltación delirante da súa España inventada. Porque hai que ser fanáticos, dogmáticos e integristas para manter o que figura por escrito na propia páxina web do Ministerio de Defensa. Polo visto escollen a data do 30 de maio por ser a festividade de San Fernando, santo que vén sendo o rei Fernando III de Castela (si, o que se cargou o Reino da Galiza) e que tamén é patrón do corpo de enxeñeiros do Exército de Terra. Ollo, un rei que posúe unha estrañas cualidades físico-químicas no seu cadáver que o fan “incorrupto” (acepción de corrupción diferente á do outro rei, o emérito), e por esa razón custodiado na catedral de Sevilla. Foi un rei que “levou a cabo unha magnífica labor integradora […] instaurando o castellano como lingua oficial”. Que boa xente, mimá. E non só iso. “A súa idea de España” (ollo: século XIII, hai 800 anos, cunha España que non existía. Galiza si, mais España non), converteuno no “paradigma de todo militar, de todo soldado español” (sic). Se estes son os progres non quero saber como serán os fachas.

Seis días, seis, de aturar en Vigo desfiles, música militar, voos de avións e helicópteros, a Lexión, a cabra da Lexión, exhibicións de cans (refírome aos Canis familiaris, non a outros mamíferos domesticados), desembarco anfibio en Samil, izados (varios) da bandeira española, e máis tanques. Un “planazo”.

Estarán contentos Rueda e Caballero, izando con ardor castrense a bandeira dos renegados e acompañando servilmente, como bos criados, a Felipe e Letizia, a quen lle renden obediencia como súbditos submisos que son. Tamén desde a distancia, mais co seu corazón en Vigo ese día, Froilán e o emérito. E por suposto, todos eles baixo influxo intelectual de Bertín Orborne, Pérez-Reverte, Quico Matamoros, Paquirrín e Marta Sánchez nese elevado altar da españolísima erudición castrense.

“Casualmente” moitas e moitos coincidiremos o 30 de maio en Vigo, mais non precisamente nese palco. Non confundamos. Nós na rúa, pola paz e por Galiza.

PS: Tranquilidade. Non todo o orzamento militar vai dirixido a armamento. Felipe VI, que non é coma seu pai, recibirá de agasallo –coma seu pai– un veleiro para lecer e regatas. Con pasta do Ministerio de Defensa. Cos nosos impostos, vaia. Só un millonciño de euros. Unha chalana. Franco tiña o Azor, e este rei moderno e humilde non vai ser menos. República Galega, por favor. Canto máis lonxe desta xente mellor.

* Ex deputado no Parlamento galego. 

https://www.nosdiario.gal/opinion/bieito-lobeira/militarismo-espanol-fabulacion-historica/20260418095926253745.html